MANIFESTO EN DEFENSA DA LINGUA GALEGA
Maio 16th, 2012. Escrito por admin en Xeral | Sen comentarios »Hai dous anos que entrou en vigor o malfadado decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. Un decreto que, segundo denunciamos no noso manifesto de xaneiro de 2010, constituía, e constitúe, un atentado á lingua galega e, polo tanto, un atentado á cultura e á identidade de Galicia.
Os resultados corroboran a nosa denuncia, que se suma á denuncia de todas as organizacións que defenden a nosa lingua. O necesario tratamento do galego como lingua propia de Galicia, o dereito dos nenos e nenas a recibir educación na súa lingua, a función do galego no ensino como lingua vehicular e centro de gravidade do modelo de bilingüismo, a necesaria discriminación positiva do galego para acadar o seu inserimento na cultura e nos afectos da poboación hoxe del afastada e, como resultado, a normalización do seu uso, todos estes obxectivos e ferramentas foron varridos polo decreto 79/2010.
En consecuencia, reiteramos o manifestado hai dous anos:
Non podemos admitir que siga en vigor un decreto que pretende lexitimar o abandono da lingua polos poderes públicos e interromper a súa transmisión interxeracional. Non podemos consentir que se menoscabe o dereito dos e das galegofalantes a usar, conservar e transmitir a lingua propia como legado, e que se impida a normalización do seu uso polo resto da poboación. Non podemos tolerar que a miseria intelectual, a inconsciencia e a insensibilidade dos que se avergoñan de seren galegos ou galegas sirvan como xustificación espuria dunha pretendida liberdade para destruír unha lingua que é o noso máis prezado patrimonio cultural e un valioso patrimonio da humanidade.
Comentar esta nova...












