Pages Navigation Menu

Máis que nunca faise necesaria unha revolución ecolóxica

Manifestación17-02-08Hai dous anos unha gran mobilización social alertou do grave deterioramento ecolóxico que estaba a padecer Galiza. Por primeira vez os movementos ecoloxistas conseguiran unir esforzos e vontades para denunciar unha política urbanística, enerxética e medioambiental insustentábel que estaba a provocar unha forte degradación social e territorial.

Aquel 6 de maio e posteriormente o 17 de febreiro do ano seguinte os galegos desterraron a falsa crenza dun pobo afeito á resignación. Vénciase o pernicioso fatalismo que aniña nas mentes e impide gobernar o noso destino, negando calquer posibilidade de transformación. Mais os nosos gobernantes desoiron as xustas protestas dos galegos e seguiron apoiando o saqueo das nosas riquezas por parte do capital.

As profundas transformacións sociais e económicas que se deron nos últimos anos están intimamente vencelladas ao preocupante deterioramento do medio ambiente. Ao alarmante cambio climático hai que engadirlle unha crise económica provocada fundamentalmente pola caótica política urbanística que imperou nos últimos anos e que foi denunciada repetidamente polas organizacións ecoloxistas. O mentor único destes cambios foi o capital. Este trazou as liñas a seguir, marcou os obxectivos e ignorou tanto as necesidades da humanidade como os recursos limitados da natureza.

O resultado traduciuse nun crecemento expoñencial dos beneficios empresariais  e nunha inxusta desigualdade social. Son as empresas as que están a esquilmar  os recursos naturais que durante séculos foron sustento da poboación; as que  alteran dun xeito brutal a paisaxe e as formas de vida dos que sempre buscamos unha estreita comunión coa Natureza. Logo non son as empresas as que vaian resolver a grave crise ecolóxica pois son elas as únicas responsabeis da depredación causada. E son os Estados, os que bendeciron e apoiaron estas iniciativas empresariais causantes da onerosa crise ecolóxica e social, os que agora se aprestan a inxectar diñeiro público aos que se enriqueceron a costa dos recursos naturais, enerxéticos, alimentarios e patrimoniais do pobo galego.

A crise actual debería ser unha oportunidade para, dende o cuestionamento  do sistema vixente, unir os esforzos de todos os cidadáns que demandamos un cambio radical dos sistemas de produción. Non se pode entender hoxe o progreos se non é baixo o marco do ecoloxismo. A produción dos medios debe facerse con respecto aos límites marcados polo crecemento sustentábel da sociedade. Unha sociedade que demanda máis que nunca un cambio profundo que atenda a un crecemento cualitativo máis que cuantitativo. Unha sociedade que exixe unha nova cultura do territorio e que non permanece impasíbel ante as desfeitas que menguan a nosa calidade de vida.

Por iso o próximo 15 de febreiro novamente a sociedade galega vaise manifestar pola dignidade e polo progreso, contra a degradación dun  territorio que lle pertence  e a favor dunha terra viva e rica. Os galegos denunciamos a destrución dos recursos naturais, os que proveñen da terra e dos mares, e negámonos a prescindir da idiosincrasia das nosas vilas e aldeas ameazadas polo urbanismo salvaxe.

 

3 Comments

  1. Non podo estar máis dacordo có espíritu deste texto. A cuestión agora está en definí-la alternativa.

    Goberne quen goberne:
    GALIZA NON SE VENDE !

  2. Os gobernos deben facer unha política eco-socialista pero isto só é posible cunha fonda transformación dos partidos políticos de esquerdas. Hoxe os que gobernan, socialistas e nacionalistas, non están polo labor. Foron engulidos polo poder sedutor e deixaron de lado toda posibilidade de cambio que a sociedade galega esperaba con ahínco dende a defenestración de Fraga.
    O poder económico é quen realmente goberna e este só pode ser extirpado cun goberno forte que non se deixe arredar polas ameazas da dereita. Algo parece cambiar en outros países pero a verdade en Galiza non se albisca esa posibilidade.

  3. Política eco-socialista? Non é posibel! Nin aquí nin en ningures… O que temos que fazer é camiñar cara un ecoloxismo social e revolucionario que poña en cuestión as bases mesmas sobre as que se sustenta o capitalismo.

    A cuestión fica clara: Ou revolución social e ecolóxica, ou a destruczón e a barbarie ás que estamos sometid@s.

    O poder económico goberna o mundo enteiro, o beneficio económico dos catro de sempre é o que manda, e a destrucción, a tódolos níveis é moi rentábel. É por iso que este sistema é insostibel.

    O capitalismo todo o devora, ningún político fuxe da corda porque é o poder quen corrompe, e quen paga…

    A ver se comezamos a caer na conta de que detrás de cada político hai un traidor, porque a política (parlamentar) é traizón en sí mesma.

    Non hai que mudar os partidos, hai que mudá-lo sistema por un no que o pobo se represente a si mesmo.

    Un goberno forte que non se deixe arredar pola dereita ? GA!GA!GA! Ahí o tes! BNGas E PSOE son o goberno que agardabas.

    Parece que non queremos aprender. Estamos a queixarnos da política continuista do BNGas e o PSOE e ti ves a falar dun goberno forte… É como mentá-la soga na casa do aforcado.

    POLITICO$: NUNCA MÁIS ! CAPITALI$MO: NUNCA MÁIS !

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.